A Asociación Itínera é unha organización sen ánimo de lucro do eido da saúde mental que nace en Santiago de Compostela no ano 2005. O xerme da asociación xorde grazas ao labor voluntario que desenvolveu un grupo de estudantes no Hospital Psiquiátrico de Conxo durante os anos 90, baixo a premisa de incorporar unha perspectiva máis integradora na intervención coas persoas con TMS afastada da institucionalización e máis orientada ao enfoque comunitario. Esta experiencia sementou as bases actuais da entidade nas que, se ben se profesionalizou a súa intervención, o voluntariado continúa a ser un piar fundamental do funcionamento da mesma.

Dende a súa creación a asociación desenvolve diferentes programas e iniciativas que abarcan diferentes ámbitos: lecer, cultura, formación, respiro familiar, inserción sociolaboral, educación medioambiental ou promoción da autonomía persoal entre outras. Ademais, Itínera coordina tres pisos protexidos nos que conviven persoas con trastorno mental severo e conta co Centro Especial de Emprego Erit-Itínera dedicado á silvicultura, paisaxismo e mantemento de zonas verdes.

Nesta páxina poderás coñecernos polo miúdo. Dámosche a benvida!